sábado, 23 de enero de 2016

FALAR MÁIS QUE UNHA TARABELA DOS PAXAROS


              Laura Cornada Loureiro fala máis que unha tarabela dos paxaros. Pero é boa rapaza. Sempre foi unha boa rapaza. Vivía coa nai, que lle estaba prostrada na cama desde había seis anos a causa dunha enfermidade dexenerativa. Por culpa disto tivo que deixar o seu traballo para coidar a nai, e optou por facerse costureira. Pouco a pouco os encargos chegábanlle á casa e nos ratos libres cosía e cosía. Había veciñas que desexaban de corazón levarlle as prendas a coser, pero ás veces tiñan medo o ir fisicamente porque, a pobre Laura, falaba máis que unha tarabela dos paxaros e optaban por mandar a algunha filla. Simplemente para evitar as parolas da Costureira. Agora era así como lle chamaban. A Laura Cornada Loureiro morréralle o pai cando ela tiña tan só dez anos. Case non se acordaba del. Vivía por e para a nai. E aínda que a nai desconectaba un pouco cada vez que Laura falaba con ela, no fondo tamén se compadecía da filla; pola situación pola que estaba présa a ela e polo defecto da parola: de sempre se decatara que a meniña dos seus ollos falaba máis que unha tarabela dos paxaros.


              Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 19 de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario