martes, 12 de enero de 2016

O SOFÁ E O SACHO




               Agora si que é verdade que leva chovido de raio. E que? Aínda cómpre. Si; pero todo cansa. Tamén cansan outras cousas e máis facémolas. Outras. E facémolas con gusto. Algúns é certo que ata lles cansa o estar cansados. Pero é porque non teñen espírito. Unha persoa ten que ter espírito, sangue. E non ser un apoucado. O que ten espírito, o que ten cara atópase con moitas portas abertas. Ó que lle gusta o sofá, a nugalla aniña e acomódase de tal maneira que ata custa abrir a boca de aburrimento. O sofá só escaralla os ósos, alma cándida! O sacho ponos no seu sitio. Con dor, pero déixaos ben colocadiños. Canta razón hai para dicir que é a mellor terapia para vencer o estrés. Tamén hai que ter o seu aquel para que algúns se queixen do estrés, ou o que é por, para que o cataloguen incluso como enfermidade. A eses curáballes eu o estrés nun alustro, nun chiscar de ollos. Moitos quéixanse de vicio. Queixámonos. Segue chovendo. Segue sendo necesaria. Segue cansando. Pero, xa sabedes, nunca choveu que non escampara. Escampará, oh, escampará. Que remedio lle queda. Tamén os nugalláns, aínda que lles custe, teñen que abrir a boca. Chove.

               Café Pabellón de Ourense. Luns, 11 de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario