Hoxe
en día ata poida que os rapaces teñan demasiadas actividades e aínda que no
fondo penses que iso non está moi ben, que necesitan, tamén, respirar un
chisco, divertirse un moito, eu non son menos e poño a escusa de “mentres fan
isto, non andan por aí perdidos”. O típico: lavar a conciencia. Ós meus axiña
os metín a facer kung fu e ó baloncesto. Cando empezaron co baloncesto,
adestraban no patio do colexio e de cando en vez deixábase caer por alí un
“guaperas”, bo mozo, que axiña descubrín que era o responsable da escola de
baloncesto. Respondía e aínda responde ó nome de Marcos Valencia.
Ós
dous ou tres anos o baloncesto (das categorías máis pequenas) desapareceu e,
como na vida mesma, os rapaces tiveron que emigrar a outros clubs. Ó emigrar
perdín practicamente todo o contacto co deporte de Barbadás e, con elo, co seu
responsable. Non obstante, como A Valenzá aínda é unha vila pequena ou cidade
dormitorio de Ourense, de cando en vez atopábame con Marcos, pero a relación
non ía máis alá do típico “que hai?”, “ata logo”. E nada máis.
Volveu
ser a rede social do feisbuq a que nos puxo nun contacto máis presente que na
propia rúa. Tamén esta rede social foi a que me descubriu a auténtica
actividade de Marcos. Recoñezo que ó principio incluso pensei se non sería unha
broma que se gastaba el no feisbuq, pois empezaba a falar que non sei que dunha
viaxe a tal ou cal sitio para interpretar este ou aquel papel (pequeniño, pero
papel) en algunha serie de televisión. “Veña xa, home; é bo mozo, é guapo, ten
un corpo que te cagas, pero de aí a traballar de actor...”, pensaba eu; e non
porque non puidese ser actor, senón porque nunca antes lle notara algo
relacionado coa sétima arte.
Como
se adoita dicir, seguino entón máis de cerca. E o moi carallán empezou a colgar
fotos de rodaxes e... facendo de modelo! Era verdade!, dedicábase ó mundiño da
cinematografía, do glamur. Ó mesmo tempo que colgaba fotos confesaba que tal ou
cal día empezaba un curso sobre a actuación ou algo relacionado coa actuación.
Agora vexo que os seus inicios xa van moito máis alá de certas probas para
algúns papeis. Se fora malo, non o chamarían para tantas series ou películas. E
semella que non lle está faltando traballo. Nunha das últimas comunicacións
fixo algo que me encheu de admiración: que logo de contratalo para varios meses
na serie “Mar de plástico”, optou por abandonala “porque necesito formación
para interpretar con calidade e dar o mellor de min”.
Iso
é un gran tanto ó teu favor, rapaz; é mellor actuar sempre con xeito que ter un
éxito efémero. Imaxino que xa saberás que o mundo da farándula é bonito, pero
tamén traidor, e pode durar tan só un suspiro. A interpretación é coma calquera
outra actividade: que se queres estar e vivir sempre dela, hai que traballar e
traballar. E traballando con interese, non coa cara bonita.
Marcos
Valencia xa está practicamente retirado por completo do baloncesto, pero segue
practicando deporte porque lle gusta e, como non, porque lle é moi necesario
para o seu traballo interpretativo e como modelo. Na actualidade compaxina
pequenas actuacións en series que van saíndo (participou xa en “Acacias 38”, “O
home da túa vida”, “Corta e cambio”, entre outras) cos estudos de teatro. Iso é
o mellor que podes facer, amigo: teatro. Que nas táboas é onde realmente un se
fai actor. Dáme que alcanzarás o éxito e que non será efémero. Por de pronto, no 2016, seica xa vai
participar nunha superprodución americana como dobre dun dos actores principais.
Aí é nada!
Café
O Chicote da Valenzá. Mércores, 9 de decembro de 2015
Publicado en La
Región o venres, 29-01-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario