martes, 26 de enero de 2016

AS MISERIAS DUN POEMA


 
               Verde esperanza nun charco de auga e azul ceo nunha folla de loureiro. Quizais ninguén queira cantar a canción dos paxariños brancos aniñando na flor dun toxo e oxalá o vídeo musical dun esperpento se baile nas noites de inverno. Quen xeme entre as sabas brancas dun soño? Quen suspira entre o punto e á parte dun consolo? Mans brancas que acariñan unha cara e olladas de nostalxia no debuxo dunha novela barata. Non creo que Buzz Lightyear viaxe ata o infinito e máis alá. Nin que Clint Eastwood escoite a música de Ennio Morricone. Tan só Charles Bronson toca ben a harmónica. Ata que chegou a súa hora. Elas cruzan as pernas nun xesto de impotencia, mentres a pantalla se ilumina coa cor vermella. Pero non hai sangue polo medio. Tan só unha canción que estoupa con foguetes no ceo. É noite pecha. Quizais algún día o verme luceiro cruce por fin a estrada e chegue á cuneta. Quizais o ruxerruxe dun sentimento fai máis ruídos que dúas campás repenicando. Hai campás que voltean as miserias dun poema sen fin. E por iso o peregrino de amor nunca chegará á fin do mundo. Non calquera pode contemplar a tardiña, o luscofusco desde Fisterra.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 25 de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario