Cando
nas vilas pequenas vemos algún cartel anunciando obras de teatro ou simplemente
teatro, pensamos que serán representacións de compañías que, practicamente,
empezan, ou desas que lles custa tanto saír adiante que actúan simplemente por
onde as contratan.. A mediados de novembro, pola Valenzá anunciaron a obra
“Fémina Sapiens”, a nova montaxe de Inversa Teatro. Pois moi ben. E quen serán
estes? E que representarán? Recordo que lle comentei á miña dona que non sei
qué dunha muller tan só actuando. “Ui, aínda ha ser unha monologuista desas e a
min, a verdade, os monólogos non me gustan moito”, comentou. A min dábame
igual, porque se as cousas están ben feitas, non me importa o que sexa. Lembro
o monólogo de “Cinco horas con Mario” e case ou sen case quedo en éxtase.
Tíñalle máis medo ó completo descoñecemento da existencia de Inversa Teatro e
da súa actriz Marta Pérez.
Ben
usado o tempo do verbo ter. Tíñalle. Agora sígolle tendo medo... a non esquecer
nunca máis a actuación de Marta Pérez. Algúns pensarán que a esaxeración é
grande. Podo prometer e prometo que aínda hoxe, logo de case dous meses da súa
actuación, sigo impresionado pola transformación de Marta Pérez nas táboas da
Casa da Cultura de Barbadás. Deus bendito, que forma de actuar!
Saín
tan abraiado da actuación que polo camiño xa lle dixen á miña muller que a
actriz merecía unha reportaxe, pois non todos os días se atopa un cun personaxe
tan rico e con tanta experiencia en tan só seis anos, os que van desde a
fundación de Inversa Teatro ata a actualidade. Digo o de experiencia porque
desde o 2009, Marta Pérez xa conta con cinco producións, o que demostra unha
incesante actividade. É máis, xa antes dese período fundara a compañía de
Teatro Arela das Artes, coa que realizou sete producións profesionais desde o
ano 2002 ata 0 2007
Como
é lóxico, para a reportaxe tiven que facer de detective privado sen licenza
para saber algo máis, e non me quedou outra que chamarme ignorante á forza.
Porque a un que presume un chisco de saber algo deste mundiño cultural, non se
lle pode perdoar que non saiba nada de nada de Marta Pérez e a súa compañía,
cando xa ten realizado xiras por medio América Latina, por Portugal e chegando
incluso ata Nova York. Así mesmo, colabora con embaixadas e con varias revistas
teatrais. Non é unha principiante, como temía ó principio.
Marta
Pérez naceu na Cañiza e licenciouse en Filosofía pola Universidade de Santiago.
Axiña soubo que o teatro é a táboa na que se representan os actos dos soños e
na que incluso se pode facer política porque “as miñas obras teñen un claro
compoñente político e de compromiso coa sociedade e co feminismo”. Ponse a estudar
interpretación ó mesmo tempo que traballa para outras compañías, como Cámara
Negra Teatro, Fura dels Baus (que non é moco de pavo) e Lingoretas, entre
outras. Aquí, na nosa cidade, acaba de coordinar o I Encontro de Mulleres
Creadoras de Galicia: Mulleres Creando, dentro do Festival Internacional de
Teatro de Ourense (o Fito)
Paul
Newman deixou unha frase para a eternidade: “Actuar é como baixar os pantalóns;
expós a túa intimidade”. Marta Pérez expón en “Fémina Sapiens”, durante un
longo cacho, toda a súa intimidade e representa aí, reflicte aí un carácter de
actriz inmensa e de muller que che abre os ollos de admiración polo seu
compromiso social. Espero con ansia unha nova produción súa.
Café
Oren Express da Valenzá. Domingo, 6 de decembro de 2015
Publicado en La
Región o sábado, 16-01-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario