martes, 19 de enero de 2016

PARA NON MORRER DE POBRES


              Saúde, diñeiro e amor. Así, por esa orde; díxose sempre. Pero eu, tamén desde sempre, alterei esa orde: diñeiro, saúde e amor. Que va, que va; se non hai saúde… Se non hai saúde con diñeiro aínda podes intentar curarte. Pero se non hai diñeiro… con que comes? E se non comes, fraqueas. E se fraqueas, caes. E se caes, xa non te levantas. Morres pobre de solemnidade. Ademais, o poder do diñeiro está sempre en voga. A corrupción cáusaa o diñeiro. O imperio da droga é polo diñeiro. O das armas é polos dólares e euros, que é diñeiro. Ata no tenis empeza o diñeiro a facer desfeitas. Un deporte que semella leal, cabaleiroso e resulta que andan as apostas furgando nos resultados dos partidos. Por non salvar seica nin se salva o Federer, que xa é dicir. E o noso Nadal, que? Si, tan só son especulacións, pero… cando o río soa, etc. Que a un pobre de solemnidade coma min lle ofreceran algún apaño, vale, ata podía estar ben visto (pobriño!). Pero que un tenista de elite, que xa gana o demo e máis, acepte amaños, malo! Non queda outra que confesar e asimilar que temos a alma corrupta e podre de poder. É o que hai.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 19 de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario