jueves, 14 de enero de 2016

COMO SEMPRE FOI




               Corre a nena pola cafetaría e o sol empeza a acochar por entre os edificios. O día axiña se deitará no recanto da memoria. Ten dereito a descansar. Foron moitas horas cos ollos abertos. Acouga a nena, pero axiña toma outra o seu relevo. Esta deslízase coas súas zapatillas que teñen unha rodiña no seu calcañar. Que cousas hai agora. Antigamente só había as chancas cun piso de madeira enorme e as zapatillas ou zapatos furados na planta dos pés, polos que te picabas e entraba a auga a esgalla. Ou todo ou nada. Piso de madeira e pés practicamente descalzos. Si, eran outros tempos. Algúns, como se volveran: naquela época pantalóns rotos e remendados por necesidade e agora pantalóns rotos e remendados porque si, porque apetece, porque dá a gana, porque seica é moda. Será. Pero lánzaste á memoria na busca dos recordos e non queda outra que exclamar que o tempo pasa e todo cambia. Unhas veces para ben e outras para mal. Como ten que ser. Como sempre foi. Queda, durante un instante, a cafetaría en silencio. Igual que o día. Este xa se deitou. Agora sairán os mouchos e as curuxas a bailar.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 12 de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario