Pasou a semana dos Reis. Dos agasallos. Circula polas redes
sociais un vídeo que encabezan coa frase: “E ti chorando, porque non che
mercaron o IPhone 6s Plus” e, non obstante, as imaxes mostran a uns cativos de
color (imaxino que africanos) rindo a gargalladas polo mero feito de romper os
envoltorios dos paquetes. Imaxinade polo tanto como se senten cando ven nas
caixas toda clase de xoguetes. Repito: sen aínda ver o que tiñan xa os seus
dentes branquísimos brillaban nuns sorrisos eternos. Recoñezo que eu mesmo me
enchín de felicidade ó ver o vídeo.
Non me importa confesar que case nunca dou esmola e que moi
pouquiñas veces participo en axudas que levan a cabo toda clase de ONGs, porque
eu tamén me vexo e me desexo para subsistir. Pero nunca rexeitei o bolígrafo
(con el estou escribindo) que lanzan os da campaña “Un xoguete, unha ilusión”
(a 5 euros) porque tal campaña é precisamente para levarlle xoguetes a eses
nenos que nunca os tiveron. Levo dous anos mercando dous bolis.
A ver, para un servidor un neno xa son palabras maiores. Onde
estea un neno que se quite todo o demais. A miña nai, de tanto que os quería,
mordíaos nas fazulas. Eu non os mordo porque teño medo a mancalos. Pero doulles
abrazos de oso e cómoos a bicos. Oxalá
os Reis lles chegaran á inmensa maioría. Porque os nenos merecen iso (abrazos,
bicos e agasallos) e moito máis.
Cafetaría Pabellón de Ourense. Venres, 8 de xaneiro de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario