domingo, 18 de marzo de 2018

AQUELAS SI ERAN CRECIDAS!

Botamos unha semana na que as redes sociais e diversos medios de comunicación non deixaron de amosar imaxes sobre as enchentes dos ríos galegos. A verdade é que dá gusto ver as crecidas dalgúns ríos, logo de tanta seca. Pero non sei se é precisamente porque agora, a causa das redes sociais e das cámaras fotográficas dos móbiles, asombrámonos por calquera cousiña de nada. A ver, os desbordamentos dos ríos estes días foron, simplemente, “unhas crecidiñas de nada”. En algúns xornais apareceron fotos do río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas e semellaba que nunca se vira tal. A crecida cubriu a burga e bordou un pouco por xunto á pasarela dos campos de tenis e xa foi como se se acabara o mundo. Repito: iso foi “unha crecidiña”.
Lembro enchentes que case daban arrepío. A mediados dos anos 60 do século pasado, un día que ía á escola, vin como quedaban tan só tres chanzos da ponte nova para que a auga cruzase a estrada. E aquelas crecidas que afogaban os vestiarios e o bar do parque Ansuíña eran practicamente anuais ou incluso dúas ou tres veces ó ano. As casas que estaban na Cagalla pasaban a noite á espreita, ó axexo porque a auga tíñana alí á súa mesma beira. E xa ninguén facía intento de pasar con algunha besta (moito menos cun coche) pola pista que vai a Os Milagres, porque A Pitediña, Os Campos e leiras colindantes eran un auténtico mar de auga. Incluso a caldeira da carreira da Lama se volvía auténtico río que se mesturaba coas augas do Arnoia á altura dos Campos. Unha simple caldeira o que armaba! Aquelas si eran crecidas! As de agora tan só son obxecto de móbiles para poder colgar no feisbuq. Non obstante, oxalá queden en “crecidiñas”, que é suficiente para ver con nostalxia un río e sen facer moito dano.

Finca Fierro. Sábado, 17 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario