viernes, 30 de marzo de 2018

MATRIOSKAS CHEAS DE HISTORIAS E SOÑOS

As historias, xeralmente, cóntanse nos libros. As historias, antigamente, contábanse xunto ás lareiras ou nos lavadoiros ou nas burgas, coma por exemplo na de Baños de Molgas. As historias, hoxe en día, tamén se poden contar sobre un escenario e... e con música. Con música hai que recoñecer que quedan incluso máis lindas. Tanto que, segundo che van degrañando o argumento, o ritmo musical lévate sobre nubes de algodón nas que caen sempre con delicadeza os soños que che producen a propia historia.
O venres, 16 de marzo, ás oito da tarde/noite, e sobre o escenario da Casa da Cultura Manuel María de Barbadás, dúas mulleres, Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, subíronnos a esas nubes de algodón co seu espectáculo “Matrioskas”, que, como supoñeredes, versa sobre esas historias que a Marta se lle deu por debullar e a Sofía por marcar o ritmo das mesmas coa súa guitarra. Por certo, cunha simple guitarra e unha voz melosa ás veces, retranqueira outras, e simpática sempre, encheron o salón de actos con soños que nos fixeron soñar.
Non obstante, quen empezou a falar realmente foi a guitarrista Sofía Espiñeira cunha historia que nos levou a Bergondo, onde, seica, nas noites de San Xoán hai a costume de queimar prendas obsoletas e as máis vellas do lugar, retranqueiras elas, queiman as bragas. Emporiso, Sofía fixo unha canción para queimar os pensamentos vellos. Pero prometo que a súa canción nunca se converterá en cinsa; é bonita de verdade.
No segundo tema xa é Marta a que toma a palabra e descubrimos unha historia fermosa pero co seu aquel profundo cando fala da emigración dos seus, da súa nai, desde Andalucía ata Terrassa. Usaba o acento andaluz para adxudicarlle diversión ó conto, aínda que a emigración non sexa un tema para dar saltos de alegría. Axiña chegou outro conto, perdón, outra historia, porque “na miña casa non se contaban contos, pero na miña casa había historias”. A que pasou a contar nin era retranqueira nin tan sequera simpática, usase os acentos que usase. Era unha historia dura que, grazas á burra da súa bisavoa, acabou sendo fermosa, pero polo medio houbo que pagar un prezo moi alto: a "marcaxe" do típico señorito daqueles tempos. Ai aqueles terratenentes!, que, aínda que non tivesen dereito, cobraban ben cobrado; cobraban o dereito de pernada. E o que era peor, ás veces coa complicidade incluso familiar da “marcada” e non digamos xa da propia sociedade. Moi triste e moi duro.
As matrioskas gardan historias caladas e moitos desexos. Pero Sofía e Marta, Marta e Sofía abren esas matrioskas e espallan ó mundo esa riqueza acochada, escondida para que saibamos que as hai grandes e pequenas e cheas de cores. Sen as cousas máis pequenas xamais fariamos as cousas máis grandes.
A pesar de que toda a súa familia é andaluza, Marta Ortiz naceu en Terrassa (Barcelona). No 2005 chegou a Galicia por unha bolsa de estudos e dous anos máis tarde volveu para quedar definitivamente na nosa comunidade. O de quedarse hai que agradecerllo a Brais das Hortas (deste xa falei no Testemuñas co que homenaxeei a Blues do País), que foi o que primeiro lle puxo notas musicais ás súas palabras. Axiña formaron Tropa de Trapo e patearon escenarios con contos e con música.
Sexa en compañía, sexa soa, Marta Ortiz non para e realiza diversas actividades de animación á lectura e obradoiros de teatro, expresión corporal en Barcelona e na nosa terra, principalmente en escolas de infantil, primaria, en bibliotecas, nas feiras de libros e onde lle cadre. É unha bule bule que busca contos nas historias da súa familia, nos que mestura realidade e ficción practicamente a partes iguais.
Sofía Espiñeira naceu en 1986 na vila de Mugardos, A Coruña, e na que pasou toda a súa infancia e adolescencia. Xa desde pequena tivo auténtica devoción pola música polo que axiña se meteu no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol para empezar co clarinete. De seguido pásase á guitarra e a cantar. Anos máis tarde cursa estudos de xornalismo na Universidade de Santiago para rematalos en Rennes, Francia. Ó rematar a carreira pasa un ano na Escola Navarra de Circo Oreka, en Pamplona, que lle dá os coñecementos necesarios para comezar a súa andaina profesional nas artes escénicas. Instálase en Santiago no 2010 para empezar a traballar na compañía de teatro e monicreques Titereficciós.
O mesmo que Marta, Sofía Espiñeira buliu polos escenarios da nosa terra con proxectos de danza, teatro e música. No mes de abril de 2015 gana un certame de canción de autor en Teo e iso permítelle gravar o seu primeiro disco. Empeza así, realmente, a súa carreira de cantautora. Un ano máis tarde xúntase con Marta e con Brais para formar a citada Tropa de Trapo. “A hora azul” é o seu primeiro espectáculo de contos e música para o público adulto. E na Casa da Cultura de Barbadás acaban de deixarnos un feixe de historias e melodías, de soños e de realidades, de medos e desexos, de liberdades e de represións. Un feixe cheo de matrioskas vestidas de cores.

Café América de Celanova. Mércores, 21 de marzo de 2018

Publicado en La Región o venres, 30-03-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario