jueves, 15 de marzo de 2018

NON DAR O SANTO PARA A VELA

Fabián Trabada Meira sentou á beira dos canastros da aira do Forno, acendeu un cigarro e pensou na herdanza que acababa de recibir dun tío que non coñecía, dun tío que emigrara, xusto cando el nacera, para Arxentina. Tal herdanza estaba a darlle moitos quebracabezas porque intuía que ía pagar máis en gastos do que valen as leiras que lle tocaron. “Penso que non me dá o santo para a vela”, exclamou mentres deixaba escapar o fume dos seus beizos.
Fabián Trabada quixera preguntarlle ó pai polo tío Gabino, pero cando lle viu a expresión da cara soubo que non ía conseguir nada. De todas formas insistiu por se acaso, pero o pai soltáralle unha sentenza definitiva: “A ese nin nomealo. O nome dese porcalleiro non quero oílo pronunciar máis nesta casa. E morra o conto”. Ante isto, Fabián nin tan sequera se atreveu a botar man da súa nai. Así é que non lle quedou outra, non lle queda outra que apandar coas tres leiras que lle deixou o tío Gabino, aínda que non lle dea o santo para a vela, aínda que lle sexan máis as perdas. Fabián Trabada Meira esmaga o cigarro coa bota dereita, deixa escapar un longo suspiro e marcha da aira do Forno camiño do barrio da Igrexa.

Finca Fierro. Xoves, 15 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario