viernes, 16 de marzo de 2018

O ASUNTO ESTÁ...

O asunto está en que teño que acender o ordenador e poñer música. Acendo o portátil e no youtube busco o álbum “Une rencontre historique”, de Charlie Parker, Dizzy Gillespie e Thelonious Monk, para escoitalo e para subilo ó facebook. Vaia trío! Escoito a música mentres escribo.
Agora o asunto está en completar o relato canto antes porque a película nocturna está aí, ó virar na esquina, xusto ó saír ó corredor da casa para virar á dereita, onde teño o salón e un sofá no que me acomodo como Deus manda (nestas noitiñas de inverno cunha mantiña sobre as pernas) e entón si, entón xa os soños se apoderan de todo o meu ser. Aínda que hai veces que no canto de soños son auténticos pesadelos, auténticas trangalladas cinematográficas que as vexo porque hai noites nas que non proxectan nada decente. O asunto está en que o jazz deses tres monstros si que me transporta a eses soños que quero soñar. Mentres todos eses marabillosos acordes se me meten polos oídos, lembro que o asunto estivo na neve que quixo caer e caeu pola mañá por toda a comarca de Maceda. Folepas gordas, grandes, inmensamente brancas, marabillosamente fermosas que non callaron moito por culpa da humidade e da chuvia. E agora mesmo, o asunto está en que xa rematei.

Finca Fierro. Venres, 16 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario