martes, 20 de marzo de 2018

QUE SE SUSPENDAN AS LIGAS!

A violencia non aniña no fútbol. A violencia aniña nas entrañas de cada un. Un episodio máis do demo que levamos dentro: agora foi en Lugo, en Meira, onde o adestrador local (que seica estaba nas bancadas por estar sancionado; ollo ó dato, xa estaba sancionado, e digo eu que por algo sería), unha e outra vez lanzoulle ameazas e insultos racistas ó árbitro.
Este, como a cousa pasaba xa da raia, fixo comparecer a Garda Civil. Mais a benemérita tampouco debía estar para lerias, pois segundo reflicte o pobre árbitro na acta, o energúmeno adestrador seguiu arre que arre (claro, coma un burro) cos seus insultos, ameazas e incluso acometidas ata o punto de que o tiveron que agarrar e apartar varias veces de xunto o árbitro. Pregunto eu: para que foi a Garda Civil? A ver se dunha vez por todas os árbitros se levantan en pé de guerra e mandan ó fútbol ó carallo. Gústame o fútbol, amo o fútbol e son un fanático do fútbol, pero entendería perfectamente que se suspendesen todas as Ligas por falta de arbitraxes. Veña, home, que xa está ben! Non lles chega con que haxa 22 tíos intentando enganalo e mirándoos de mala maneira, senón que aínda teñen que asomar bestas dando couces ou parvos montando o espectáculo.

Finca Fierro. Martes, 20 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario