viernes, 23 de marzo de 2018

LUIS LAORGA, O PAI DA CRIATURA

Cada vez que penso no colexio dos Milagres ou cada vez que vexo o seu inmenso edificio, a carraxe quere apoderarse da miña mente porque se me vén unha e outra vez á cabeza o abandono do mesmo. E intúo que, co tempo, toda esa impresionante construción acabará caendo. Como alguén non bote man del acabará sendo pasto do esquecemento, será borralla en moitos metros cadrados. Leva parado 28 anos, desde 1990, máis xa dos que foi de utilidade, que se non erro, foron 21 anos. Xa que no 1965 realizouse o proxecto e a súa construción abarcou de 1966 a 1969, ano da súa inauguración. Fun un dos que o inaugurou. Naquela época foi un dos proxectos máis emblemáticos e máis sorprendentes de toda a provincia de Ourense. Consta de cinco zonas bastante diferenciadas. A zona residencial conforma un eixe lonxitudinal de tres alturas. A zona central ten dous corpos tamén diferentes; no centro, o salón de actos e a igrexa, e no extremo da zona central están a cociña e o comedor. Noutra zona están as aulas formadas por cinco bloques de dous andares cada un. Ó lado do comedor e da cociña outro bloque de maior altura destinado a vivendas. E xa non digo nada sobre a parte traseira do edificio, co seu campo de fútbol, as súas pistas de atletismo e o tamén sensacional -para aqueles anos- pavillón deportivo, co seu frontón incluído.
Todo moi chulo, pero moi pouquiños saberán quen foi realmente o que levantou esa obra para que eu, hoxe, trema de medo pensando en que todo iso se virá abaixo. O arquitecto Luis Laorga Gutiérrez naceu o 5 de xaneiro de 1919 en Madrid e aí morreu tamén o 5 de novembro de 1990 (espero que non fose á causa do desgusto polo peche da súa criatura). Non era calquera arquitecto, pois no 1946 acadara o Premio Nacional de Arquitectura, xunto con Francisco Javier Sáenz de Oiza. Luis Laorga dá para moito máis, pero o espazo é o que é. Queda darlle as grazas por esa obra que, aínda confío, alguén bote man dela.

Finca Fierro. Venres, 23 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario