jueves, 22 de marzo de 2018

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Día mundial da poesía. O verso pousa no asubío dun poema e o poema cae, mansamente, na señardade dun momento. Quero sentar co silencio e deixar que a vida pase por enriba dun rego, de moitos lindeiros. Quero abrir o peito para que unha estrofa se acoche por entre as pallas dun palleiro. Xa está a poesía bailando na cama dos sentimentos.
Día mundial da poesía. E o saxo de Coleman Hawkins péchame os ollos para que o silencio duns versos se debuxe nesta noite chea de pensamentos. Versos que van e veñen, latexos que brincan polo monte Medo e o poema enteiro pousa sobre a sinfonía dun neno. Dun neno que foi. Dun neno que é. Só o tempo escribe os momentos nos que a melancolía dun soño acouga sobre as tellas dun canastro, de cando a algarabía dunha tarde disimulaba a pobreza dunha infancia, pero dunha infancia feliz. Día mundial da poesía. Ritmo musical no poema que se está escribindo. Luz de candil na noite en que os folgos quedan aí, sentados á beira do soneto que conta a circunstancia do que puido ser. Houbo un tempo en que todo era poesía: o ruxerruxe dun latexo, o silencio dun momento, o afogo dun sentimento e o berro de moitos versos. Día mundial da poesía.

Finca Fierro. Mércores, 21 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario