lunes, 12 de marzo de 2018

BEATRIZ MACEDA FAI COINCIDIR NO TEMPO A LENNON E VALLE-INCLÁN

Vaia dous personaxes cos que me atopei o 14 de decembro do ano que acabamos de deixar, a iso das oito e algo da tarde/noite no café El Cercano de Ourense. Nada máis nin nada menos que a John Lennon e o noso querido don Ramón María del Valle-Inclán. Quen o diría!, dúas auténticas iconas ou figuras da cultura aínda que sexan de distintas épocas. Certo que a piques estiven de perder o encontro. Porque ese mesmo día había outra presentación dun libro á que tamén quixen asistir. E asistín. Logo, por sorte, tamén tiven tempo de achegarme ata o café citado.
A forma de coincidir con esas dúas iconas debeuse, por suposto, ó libro “Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán” (o título en por si xa me encanta unha barbaridade), da autora Beatriz Maceda Abeleira. A presentación da novela correu a cargo de Xan Arias, editor de Trifolium -e da novela, claro está-; de Xián Bobillo, profesor, e, por suposto, da propia autora. Dicir que foi unha das presentacións máis sinxelas e máis íntimas das que teño asistido. Como se estiveramos en familia.
Beatriz Maceda consegue unha fermosa e sólida historia que se sitúa, en referencia ó tempo histórico, ós cinco meses despois do asasinato de John Lennon. Este e Valle-Inclán conflúen na imaxinación dun rapaz, que é o narrador da historia, bisneto ficticio do escritor, que un día descobre o seu parentesco. A través de certos elementos oníricos e baixo un clima de misterio, o rapaz descobre pouco a pouco a súa propia historia e a do seu devanceiro alén daquilo que estudara no instituto.
Baixo unha linguaxe sinxela e directa, a lectura vólvese áxil e a historia atrapa desde as primeiras páxinas da narración. E aínda que semella fácil, ten un trasfondo máis serio do que parece: asoma a España negra de Valle-Inclán e bulen os anos oitenta coa música de John Lennon e a propia vida do rapaz.
Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán” recorda, ás veces, á gran literatura de Raymond Chandler e amosa paixón polo teatro, quizais polo propio amor de nai, xa que o fillo da autora traballa nese fantástico mundo das táboas, dos escenarios.
A autora Beatriz Maceda Abeleira naceu na Coruña o 19 de decembro de 1963, polo que conta con 54 anos de idade. E segundo me confesou por un correo electrónico, non lle foi doado vir ó mundo; así é que o seu pai, home abondo crente, ofreceuna á Virxe da Pastoriza, a uns catro quilómetros da Coruña, ó mesmo tempo que lle fixo prometer que todos os anos iría de romaría a ese santuario. Sei perfectamente o que significan esas peregrinacións, esas romarías: teño o santuario e a Virxe dos Milagres todos os días na cabeza. A ver!, oito anos alí metido, toda unha vida a pouco máis de tres quilómetros, xente de xeonllos, xente descalza por camiños cheos de coios e pedras, etc.).
Beatriz Maceda tivo como mellor amigo ó sei bisavó materno, anarquista, bebedor e percebeiro que lle deixou en herdanza o himno da CNT, ó mesmo tempo que aprendeu que estar nas barricadas era unha forma de vida. Da bisavoa copiou a afouteza.
Ós cinco anos tivo que deixar o seu barrio, o mar herculino e o cemiterio de San Amaro pola cor verde da Terra Cha. Aquí viviu parte da infancia e da adolescencia. “As moras, a bicicleta, unha mestra, unha biblioteca e unha libraría foron fundamentais na miña formación”, acabou confesándome. E tanto. Porque os libros foron os que a salvaron (máis ou menos como a un servidor). Logo de tantas lecturas, é normal que a mestra a animase a escribir. Agora mesmo temos que darlle as grazas á mestra. Porque Beatriz Maceda Abeleira escribe coma os anxos.
Estuda na Escola Universitaria de Maxisterio educación primaria pola especialidade de Lingua Inglesa e realiza estudos de posgraduado en Orientación Educativa no instituto Maslow Catell da Universidade de Deusto. Exerce o ensino desde hai cerca de 20 anos, e tamén imparte cursos e realiza traballos sobre Ensino Global.
Beatriz casa no ano 1995 e regresa para A Coruña. Vive fronte ó mar co seu fillo e o seu home, ó mesmo tempo que ten o privilexio de aprender todos os días “dos meus alumnos e de coordinar a biblioteca do colexio máis multicultural da Coruña”.
Publicou os relatos “Ela” e “Tuerka 27” na revista Tempos Dixital e na categoría de infantil/xuvenil publicou no 2012 “Man. O alemán de Camelle” e, tres anos máis tarde, “O álbum de Garrincha”. O ano pasado escribiu a novela causante desta pequena reportaxe: “Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán”. Vaia título! Vaia personaxes! Vaia autora!

Café Dos Yemas da Valenzá. Domingo, 14 de xaneiro de 2018

Publicado en La Región o sábado, 10-03-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario