SERGIO VENCES FERNÁNDEZ, O FILÓSOFO
(La Región)
A filosofía. Nunca me gustou a
filosofía. Quizais porque na miña época había outra forma de
estudar. No meu caso aínda peor, pois creo recordar que cando a
estudamos foi xa en 6º de bacharelato e eu fíxeno nun libro de meu
irmán Manolo, que me leva oito anos (xa sabedes que, agora, os
libros non valen dun ano para outro). Daquel libro non entendía
nada. E de toda a materia só se me quedou unha cousa que nos dixo de
palabra o padre Graña: “a sorte non existe; as cousas son ou non
son”. Máis ou menos. A
ver, si, sei quen é Sócrates, Rousseau, Platón e Kant, pero
despois están eses alemáns que teñen apelidos impronunciables e,
claro, quítanche as ganas de furgar no mundo filosófico. E menos
mal que apareceu por aí o libro “El mundo de Sofía”, de Jostein
Gaarder, que durante un tempo me fixo pasar moi boas tardes e
chegando a amar incluso a filosofía.
Por
desgraza ese parágrafo xa non o pode ler Sergio Vences Fernández,
que, o máis seguro, sería que esbardallase dos meus entendementos
filosóficos. E con razón. Porque Sergio Vences si foi un auténtico
filósofo e un gran personaxe cultural que eu, tamén por desgraza,
descubrín hai pouquiño. E de forma casual: fochicando
pola Internet buscando datos ou cousas do meu Baños de Molgas.
Porque Sergio Vences Fernández naceu
en Baños de Molgas, máis en concreto en Vilariño de Lama Má o 22
de setembro de 1936. Era o quinto de seis irmáns; cinco homes e unha
muller. O pai de Sergio pódese dicir que era un home adiantado ó
seu tempo, xa que sempre quixo que todos os seus fillos estudaran, e
nos anos 30 iso xa tiña mérito de carallo. Ata quixo que a única
filla o fixera tamén (muller estudando naqueles anos... uff), polo
que a quería meter nas monxas, mais a delicada saúde da dona da
casa e a situación de ter cinco homes á cargo, máis o marido (que
non axudan nada nas labores, nas tarefas das casas, e dígoo por
experiencia), non lle quedou outra que deixala a cargo do fogar. Os
homes si que se dedicaron a estudar. Xunto ós curas, claro. E algúns
saíron sacerdotes, pero Sergio...
Pero
Sergio Vences non quixo cantar misa e fuxiu porque non soportaba ós
da sotana. Marchou para Madrid e alá se matriculou na Universidade ó
mesmo tempo que facía o servizo militar. Estudaba dúas carreiras a
un tempo: filosofía e dereito, aínda que esta deixouna logo de tres
anos “porque non lle atraía nada”, segundo me confesou unha
sobriña súa. Sergio coñeceu a unha alemá e para ese país
marchou. Ela fíxose profesora de instituto e el foi lector de
español nas universidades de Colonia e Duisburgo entre 1969 e 1983.
Tamén foi redactor, locutor e tradutor para Radio Nacional de
Alemaña para o Exterior, motivos polos que entrevistou a grandes
persoeiros como Camilo José Cela, Madariaga, Halffter, Labordeta,
Buero Vallejo e Arrabal, entre outros.
Cando
escribiu o seu libro “La voz y el caminante”, foi Cela quen llo
publicou. Quixo probar sorte na universidade de Santiago, pero como
non se atopaba a gusto, volveu axiña para Alemaña. Mais ó
divorciarse, volveu outra vez para a capital de Galicia. E como
seguía sen se acomodar en Santiago, optou por largar definitivamente
para a universidade da Coruña, onde volveu
casar cunha profesora de maxisterio.
Segundo
palabras dun colega seu, Sergio Vences Fernández “era todo un
personaxe transgresor, provocador, burlón, sarcástico, crítico e
denunciante
das normas sociais e das limitacións ó home, cidadán do mundo”.
Bo coñecedor e amante da literatura, publicou libros de poesía (a
citada “La voz y el caminante”, 1969, e “De la memoria al
sueño”, 2003); narrativa (“Nas profundas augas do esquecemento”,
2011, que se refire ó río Arnoia e é algo así como unha
autobiografía); ensaio (“Los caminos de Martin Heidegger.
Filosofía del lenguaje en el siglo XX”, 1993, e “Vislumbres de
utopía”, 1995); e teatro (“Platón suspende la selectividad”,
1994). Esta obra chegou a representala no teatro Rosalía de Castro
da Coruña cun grupo de alumnas e alumnos. O texto critica as probas
de acceso á Universidade de forma provocadora e con moita retranca.
Sergio
Vences colaborou así mesmo en diversas revistas e xornais, como
Romanische Forschungen,
Papeles de Son Armadans,
La Nueva España, El
Correo Gallego, El
Ideal Gallego, La
Opinión, etc. Chegou a traducir
a Dietrich Bonhoeffer, Frederik Hetmann e Edmund Husserl.
A
Universidade da Coruña rendeulle unha homenaxe en 2006 co libro
“Pensar en tiempos de
oscuridad”. Sergio Vences Fernández faleceu o 20 de decembro de
2012, á idade de 76 anos, na máis completa intimidade. Este
Testemuñas é a miña homenaxe a un filósofo e escritor molgués
que se distinguiu polo seu
compromiso cívico coa verdade e que fixo
do sarcasmo a súa bandeira.
Café
Paladium da Valenzá. Domingo, 18 de febreiro de 2018
Publicado
en La Región o
venres, 23-03-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario