lunes, 19 de marzo de 2018

OS DÍAS AFOGADOS: UN BERRO DE DIGNIDADE

Cada vez que vexo ou escoito a palabra encoro asoma á miña cabeza o de Castrelo de Miño. Só ese. En primeiro lugar, porque me impresionara o libro “Morrer en Castrelo de Miño”, de Xosé Fernández Ferreiro. En segundo lugar, porque despois, co tempo, acabei casando alá, nese concello. E en terceiro lugar, porque non hai moito que escribín tamén un Testemuñas da Memoria sobre ese pantano. Pero eu ben sei que estamos cheos de embalses. Son famosos aqueles NO-DOS que, por lei, se proxectaban nos cines antes das películas e nos que saía unha e outra vez o Xeneralísimo inaugurando presas. Franco inauguraba encoros a darlle cun sacho. Pensas entón que eran outros tempos, que era o que había, é dicir, unha ditadura tal que lles importaba un carallo o afogar aldeas ou fundir á xente que devecía vendo como as súas posesións, as súas vidas! remataban naquel recanto asolagado.
Pero resulta que chegou a democracia e un pensaba que aí remataban xa esas loitas, eses crebacabezas por unhas posesións que eran túas, nada máis que túas e que, porque si, arrebatábanchas. Mal pensado. Chegaron os anos 80 e 90 e seguiron facéndose encoros. Como o de Lindoso, en Portugal, que anegou, claro, cinco aldeas ourensás: O Vao, Buscalque, A Reloeira, Lantemil e Aceredo. Certo, o embalse de Lindoso xa empezara a ser rumor no ano 1928. Ou sexa, desde ese ano, varias xeracións viviron coa angustia desa futura obra. Que chegou. Claro que chegou. Fíxoo o 8 de xaneiro de 1992 cando cerraron as comportas da presa. Hai xa 26 anos.
Estes dous parágrafos veñen a conto porque o xoves, 18 de xaneiro, na libraría Eixo de Ourense, ás sete e media da tarde, presentouse o documental cinematográfico “Os días afogados”, dirixido por César Souto e Luis Avilés. A presentación correu a cargo deste último, do produtor Iván Patiño e o veciño Paco Villalonga. Tal veciño case se pode dicir que foi o impulsor deste documental, o nexo entre as imaxes e a realidade.
Todo empezou cando o outro director, César Souto, tivo que cubrir unha pequena reportaxe para a Televisión de Galicia -na que estaba empregado- sobre precisamente o asolagamento da aldea de Aceredo. Axiña lle contaron que seica había un señor que debía ter o demo de documentos, principalmente visuais, porque sempre andaba cunha cámara desas de 8 mm. gravando de aquí e de alá desde os anos 60, desde que xa se intuía que “a cousa do encoro” agora si que ía en serio. O tal señor era Paco Villalonga. César logo viu que alí había moito máis que unhas simples imaxes de paisaxes e paisanos, do paso do tempo e das actividades. Intuíu tal potencial brutal naquel material doméstico que soubo ó instante que iso había que transformalo en toda unha linguaxe cinematográfica.
César Souto contactou con Luis Avilés e como este tamén viu o que se acochaba naquelas imaxes, naquelas gravacións caseiras, puxéronse mans á obra. Viron tal magnitude neses documentos históricos que tomaron o asunto con calma pero sen tregua. A proba é que lles levou catro anos rodar este documental que, aseguro, amosa un marabilloso retrato de amor pola terra e nos fai estremecer con eses berros de dignidade e afouteza desa xente, da nosa xente. Rodaban nas fins de semana e nas pontes nas que non traballaban.
Quixeron narrar o drama con obxectividade, pero recoñecen que lles custou unha barbaridade porque, unha e outra vez, as emocións emanaban da maioría das imaxes. Non é prato de gusto saber, ver ou sentir como os veciños, nos seus novos domicilios, ó abrir as súas ventás se atopaban coa derrota máis absoluta. É triste ver ós veciños de Buscalque como contemplaban o asolagamento da súa aldea, pois, para máis aquel, tan axiña como pecharon as comportas da presa, empezou a chover con intensidade e durante toda unha semana, polo que nin tempo tiveron de recoller todo. Para acabar de rematala, algúns incluso contemplaron como se afogaban os seus propios animais. Iso é moi forte.
“Os días afogados” está tan ben que se pode dicir moi perfectamente que “por onde pasa, alaga, arrasa” a base de premios e de estreas, de proxeccións. Non calquera documental consegue estrearse nas salas comerciais. Esta marabilla estreouse por toda España e na nosa Comunidade fíxoo... en sete salas!, que son moitas salas para un documental.
César Souto Vilanova naceu en 1975 en Noia. Licenciouse en Periodismo na Universidade de Santiago. No 1998 empeza a traballar na Televisión de Galicia cubrindo información para diversos espazos da cadea. Desde o ano 2006 dedícase máis á realización de reportaxes sobre varios aspectos da actualidade política e social galega, española e internacional, primeiro no programa “REC cámara” e despois no espazo “Reporteiros”.
Luis Avilés Baquero tamén naceu en Noia. Formouse en dirección e montaxe no Centro de Estudos Cinematográficos de Cataluña. Dirixiu para a TVG os programas “Criaturas” e “Casados”. Tamén realizou a curtametraxe “A subela”, no 2003, que a Xunta de Galicia elixiu para difundir o audiovisual galego. Director da película “Retornos” -producida por Vaca Films no 2010-, que pasou polos festivais de Montreal, Valladolid e Sao Paulo, entre outros. Foi finalista do Goya ó mellor director novel.

Café América de Celanova. Mércores, 31 de xaneiro de 2018

Publicado en La Región o sábado, 17-03-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario