miércoles, 14 de marzo de 2018

BAILAR AGARRADIÑO ÓS LIBROS

Estou acabando de ler un libro. Teño outro para ler. É mércores. E se por un casual me quedo a fin de semana sen nada para ler? Máis seguro que o que estou rematando lle lea mañá o derradeiro parágrafo, pero o seguinte case seguro que me botará algúns días. Pero, e se o remato nun chiscar de ollo? Ai que angustia! Mira que se me quedo sen lectura para a fin de semana.
Pois nada, mellor é ir á biblioteca para coller un. Aproveitei que fun cun rapaz ata o Couto e desde alí marchei correndiño á biblioteca. Pillei dous, claro. Que é iso do pensamento fixo! Veña, home; pillar un tan só?, onde se viu outra! E para máis aquel vendo o estante onde están máis ou menos as novidades. Ese pensamento deixou de ser fixo para bailar agarradiño ós títulos e ás simples estampas ou portadas dos libros. É tal a atracción por estes que me sinto como unha muller ante un escaparate de roupa. Agora enténdoas perfectamente cando se paran e deteñen diante dos escaparates; váiselles a vida. A min váiseme a vida ante unha ducia de libros. O peor é que ó ser en préstamo teñen un prazo e por conseguinte, ale, lectura a máis non dar.

Finca Fierro. Mércores, 14 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario