martes, 27 de marzo de 2018

O FILLO DA DEMETRIA

Alí estaba o fillo da Demetria argallando o que facer polo que lle quedaba de tarde. O fillo da Demetria sentara ó lado do canastro e de cando en vez asubía unha canción que nin tiña ritmo nin compás. O fillo da Demetria pódese dicir que non tiña nome. Ata dubido que os seus propios pais souberan o seu nome real. Porque o fillo da Demetria foi de toda a vida O Fillo da Demetria. Os seus pais chamábanlle fillo, simplemente. Ou neno. E os veciños, o dito: O Fillo da Demetria.
O rapaz era tan moreno que semellaba negro. O rapaz semellaba negro porque traballaba de sol a sol nas leiras dos seus pais: arándoas, cavándoas, sementándoas e sempre coas vacas dun lado para o outro. O fillo da Demetria non quixera estudar nin quixera traballar na construción nin quixera marchar para o estranxeiro; tan só quería andar de nugallán. Pero cando o coñecemento soubo ler nas liñas escritas da súa vida, non lle quedou outra que arrear ou quedar de esmoleiro. Dedicouse á agricultura, á mala agricultura galega. E alí estaba, sentado á beira do canastro argallando nin el mesmo sabía que. O fillo da Demetria axiña deixou de asubiar porque nin sabía que estaba asubiando. Afirmouse nun pé do canastro, ergueu e marchou para a súa casa.

Finca Fierro. Martes, 27 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario