viernes, 31 de mayo de 2019

CANÍCULA

Cando hai moita calor, din que se asan os paxariños. Hoxe ásanse os paxariños. Vai moita calor. Tamén din, nestes casos, que vaias pola sombra. Á biblioteca fun pola sombra. E neses cachos nos que non existía tal (curtiños, iso si) non me quedaba outra que facer pantalla ou tornar o sol co libro que levaba para devolver e, á volta, co libro que collera en préstamo. Pero no traxecto que hai á entrada da Finca Fierro, aí nin libro nin rabo de gaitas; caía a canícula de tal maneira que incluso mirei se había ou non algún paxariño asado.
Menos mal que a rúa que máis uso na Valenzá con dirección a Barbadás é a da dereita, á que, polas tardes, lle dá sempre a sombra. Mais aínda así, ás seis e media da tarde, por exemplo, seguen a asarse os paxariños. É dicir, que vai moita colar. Moita. A verdade é que foi unha animalada o saír da casa, pero... os malditos libros! E non vale que teña aínda dous na casa pendentes de lectura! A ver se non me van gustar... E acaba de empezar a fin de semana... Non sexa o demo que... Así é que, por se aquel, boteime á rúa baixo unha canícula do carallo por tan só un libro. Minto. Tamén lin un xornal na biblioteca, merquei dúas barras de pan, tomei unha auga (si, unha auga, hoxe non tocou café) ó mesmo tempo que escribía este pingas.

Café Acordes da Valenzá. Venres, 31 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario