martes, 30 de julio de 2019

A ROTONDA

Contemplo a rotonda desde a terraza da cafetaría e vexo como as sombras de algo están quietas, como as sombras de alguén se moven. Observo os coches que pasan e non hai un que circule correctamente pola rotonda. Un can espera ante un escaparate, sentado, e coa correa suxeita polo seu amo. Dúas pombas andan ás présas picando nas migallas das bicas que poñen cos cafés. Unha delas ata ten o valor suficiente para meterse dentro da propia cafetaría. Hai animais que non teñen vergonza! Un señor cruza un paso de peóns tan paseniño que non entende que o paso é para iso, para pasar e non para facerse dono del ou para eternizarse. Non pensamos nos demais. Nunca pensamos nos demais. Primeiro é a nosa comodidade. Despois, Deus dirá.
Soben a persiana dun piso para que entre a luz. Ata agora estaba baixada para que non penetrase o sol. As persianas están para iso: para subir e baixalas, para tapar o sol (e as olladas ou vistas indiscretas) e para abrirlle camiño á luz. Na tele empeza o partido de pretemporada entre o Real Madrid e o Tottenham. Por certo, quince días para que empece o auténtico espectáculo: a Liga. Hai mono de fútbol. A rotonda non se moveu. Móvense os coches arredor dela. Móvense mal, claro. A sombra da estatua da familia avanzou un chisco. Porque o tempo pasa e todo cambia.

Café O Chicote da Valenzá. Martes, 30 de xullo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario