miércoles, 10 de julio de 2019

SUBIDA Á LAGOA NEGRA

Hai rutas turísticas que cansan. Estou canso. Pódese dicir que botei case todo o día andando. Dóenme os pés e dóenme as pernas. E un pouco a cabeza porque tamén as incertezas cansan. Porque os rapaces pasan moito de igrexas e monumentos, por exemplo. Polo que hai que buscar outras alternativas, outros eventos, outros lugares, outras rutas. É nese momento cando a canseira se apodera máis da cabeza que do resto do corpo. Porque uns queren un lugar e os outros engurran o fociño. Porque uns prefiren o descanso no fogar e os outros tratan de razoar para evitar o acomodo. Menos mal que ó final, nunha das opcións, rematamos todos contentos, pero, iso si, cansos. Cansos de andar por un camiño de cabras, pero bonito.
A subida á Lagoa Negra, na provincia de Soria, foi normal, incluso monótona e aburrida porque transcorreu por unha estrada. A lagoa... a lagoa gusta máis pola paisaxe que polo propia lagoa. Paisaxes glaciares dos Picos de Urbión e cunha flora realmente espectacular. Logo dun merecente descanso nos penedos que arrodean a lagoa, iniciamos o descenso por un carreiro de cabras á par do río. Baixada incómoda pero bonita. De tan só dous ou tres quilómetros, pero suficientes para as típicas bromas que se gastan polas incomodidades e polo tremor das pernas. Porque, claro, a visita foi pola tarde; pero é que pola mañá xa houbera outras andainas.

San Leonardo de Yagüe. Mércores, 10 de xullo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario