miércoles, 24 de julio de 2019

POLO ARNOIA ABAIXO

Corrín polo río abaixo e non afoguei. Porque o río estaba seco. Nunca tal se vira. Había anos en que o río Arnoia levaba moi pouquiña auga; pero sempre había algunha cando discorría pola vila de Baños de Molgas, máis en concreto, desde o balneario ata a fonte do muíño. Pero hoxe... hoxe ía seco. Podía correr por el que non afogaba. E claro que corría. Tiña que aproveitar. Outras cousas máis raras se viran nese mesmo río. Unha vez vira, tamén polo río abaixo, correr unha troita de pé. E o domingo de Resurrección de non lembro que ano (quizais alá polo 1968) vin a Jesucristo saír do Pozo d´Agrade. Non hai quen me quite da cabeza que estaba resucitando precisamente nese momento. Ó mellor errei, pero entenderase que era moita coincidencia de Cristo.
Tamén no 1975 (ano arriba, ano abaixo) botei 33 tardes seguidas choutando polos pasadoiros (nós diciamos pasaus) para cruzar o Arnoia para o monte de Pinouzos, xusto onde hoxe está a ponte da estrada que nos leva a Foncuberta ou á Chaira ou á Lagoa de Almoite. A Pinouzos ía coas vacas para o monte. Mais era raro ir 33 tardes seguidas para o mesmo lugar. Ás veces ía para As Costelas, ou para O Lameiro Longo, ou incluso para o Medo. Aínda que, para este, iamos máis polas mañás. Pois desde a ponte de Pinouzos botei a correr polo Arnoia abaixo e non afoguei. Porque estaba seco.

Cafetaría A Pedreira da Valenzá. Mércores, 24 de xullo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario