martes, 30 de julio de 2019

TODO TEN O SEU AQUEL

Erguín logo de me sentar. Abrín os ollos logo de telos pechos. Marchei para o cabo do mundo para volver ó punto de partida. Todo volve ó seu inicio. Todo o que entra, sae. Todo o que vai, vén. Todo o que sobe, baixa. A vida, ás veces, quere gardarnos sorpresas, pero tan só é algo que desexamos nós; porque todo está aí, todo está escrito. É o destino? Non sei, pero todo está aí. Sorpréndennos palabras ben escritas, pero é porque, ata agora, non as usamos ou non as soubemos usar. Alguén descobre a Carlos Núñez, cando xa hai unha millonada de anos que Carlos Núñez anda coa súa música ás costas. Deixo de pensar porque estaba pensando.
Escribo porque quero contar, pero ó final hei de rematar. Porque todo ten un principio e todo ten un final. A vida ten o seu principio. A vida ten a súa fin. Menos aqueles que duramos eternamente. Erguín o sacho e deixeino caer. Porque ninguén é quen de deixalo suspendido no aire. Todo ten o seu aquel. Ata Chet Baker ás veces se acompaña de Stan Getz. Ou viceversa. Se acendo a luz para escribir, cando remate de facelo, teño que apagala. Cerrei os ollos logo de telos abertos. Con eles pechados, penso. Pero como xa pensei (porque os pensamentos ás veces son efémeros), volvo abrilos. E vexo un mundo que tivo o seu inicio e que terá tamén a súa fin. É lei de vida. Por moito que esta tivera o seu aquel.

Finca Fierro. Martes, 30 de xullo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario