domingo, 28 de julio de 2019

ENTRE LERIAS PODRES

Por detrás de min pasou un coche. Facía ruído. Estou sentado na terraza dunha cafetaría e polos auriculares Elton John e Kiki Dee deixan escapar as súas voces co tema “Don´t Go Breaking My Heart”. Un plástico baila pola beirarrúa impulsado polo vento. Vento case inexistente, pero como o plástico non pesa... Máis xente sentada na terraza. Máis coches pasando por detrás de min, e facendo ruído. Estou pegadiño case á propia rúa. Pasa o autobús, que fai aínda máis ruído. Doulle un sorbo ó café.
Escoito agora a Elvis Presley co tema “Can´t Help Falling In Love”. O rei do rock cunha fermosa balada. Foi en tres tragos máis; o café. Unha señora le unha revista e un señor, noutra mesa, o xornal. Eu acabo de ler o segundo xornal de cada día. O vento é inexistente, pero as follas dunha árbore que está a cinco metros de min (medidos á ollo, por suposto) bambean un chisco. Ás follas pásalles coma ó plástico: como non pesan... Eu tampouco peso moito, pero, por sorte, o vento non me leva. Quixo levarme unha vez no Cabo Touriñán, pero vendo o que lle estaba a pasar a unha señora de peso moi pronunciado, este servidor xa nin intentou saír do coche. Que un non é parvo. Vedes, entre lerias podres, alá foi o Pingas, alá matei o tempo mentres tomaba o café e alá vai o domingo. Porque marcho para a casa. E xa na casa é coma se rematara o día.

Café Brétema da Valenzá. Domingo, 28-07-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario