martes, 16 de julio de 2019

POLOS LAMEIROS DA...

Quero botar a correr polos lameiros da misericordia, pero non consigo moverme do sitio. Non me sinto áxil, non me noto lixeiro. Quizais porque un asubío, un simple asubío trastornou todos os meus pensamentos. Ás veces, a sinxeleza vólvese criminal, destrutiva, algo non esperado. Pero é igual; hai que seguir para adiante. Aínda que custe botar a correr polos lameiros da conmiseración. Sei que en minutos, ou incluso en segundos, correrei coma un galgo polos camiños da esperanza. Porque todo pasa e todo cambia. Como cambian as tornas cando o si se volve non, ou viceversa; cando o sorriso está preñado de romanticismo e se volve bagulla chea de dor, ou ó revés.
Quero botar a correr polos lameiros da incomprensión. Non sempre o verso do poema se le como foi escrito, nin a noite calma os nervios dos soños. Quen máis quen menos opta pola ilusión dunha eternidade sentada nunha vida sosegada, nunha vida chea de palpitacións por un desexo que foi, que é, e, por que non?, que será. Quero botar a correr polos lameiros da inxenuidade. Sempre hai esperanza aínda que os atrancos sexan enormes, case insuperables. Pero aí está a esperanza, no “case”. Todo consiste en pegar un brinco e pasar ó outro lado. Se no primeiro intento non vai, berramos, berramos moi forte e seguimos choutando. Ou rebentamos ou pasamos. Pero ningún lameiro me fará recuar.

Finca Fierro. Martes, 16 de xullo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario