miércoles, 24 de julio de 2019

FABRICIO ARTELLÁS, O LISTO

Fabricio Artellás quería ir pola beirarrúa esquerda da Valenzá, pero daba o sol. O fillo da Carracha colleu entón pola beirarrúa dereita, pola que daba a sombra. O fillo do Alacrán era listo. Porque el ben vía, ben notaba que a calor era suprema, extraordinaria. Como Fabricio sempre tivo algo de esaxerado, tamén aquí esaxerou un pouco. Díxolle a un, a un calquera que pasaba polo seu lado, que, á sombra, habería polo menos uns 42 graos. Cando na realidade, á sombra, non sei se chegariamos ós 33 graos. Certo que a calor era suprema, extraordinaria, pero estaba a levantarse un pouco de aire que daba a sensación dun alivio fresquiño.
Certo tamén que o dos 33 graos foi así á ollo. Claro que esta expresión non procede moi ben para descubrir ou describir a temperatura. Creo eu (e tamén o cre Fabricio Artellás, o fillo da Carracha e do Alacrán, que nacera nun recanto dun pequeno barrio de Baños de Molgas) que a expresión á ollo é máis ben para medir ou para analizar ou para adiviñar unha distancia. Por iso é que o da temperatura ós 33 graos sería máis ben por intuición ou polo tacto da calor na pel. “Non o cres así, Fabricio?”. Será. Se ti o dis. Dáme a razón coma os parvos. Pero Fabricio é un tío listo. Moi listo. Percorreu toda A Valenzá pola sombra. Aínda así suaba coma un carneiro. Quizais porque a esaxeración esa dos 42 graos xa o facía suar.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Mércores, 24 de xullo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario