Sabemos que as guerras adoitan
inicialas os políticos, pero quen realmente paga a desfeita é o
pobo. Polo que axiña, o pobo, iniciada esta, empeza a actuar.
Segundo contan as crónicas, alá polo 12 de agosto de 1936, ós
pouco días de iniciadas as hostilidades, unha comisión de señoras
e señoritas de Baños de Molgas emprenderon a busca de diñeiro e
especies por todas as aldeas do concello para “o noso glorioso
exército combatente”. Semella que a tarefa “penosa e altamente
patriótica” que realizaron as distinguidas damas de Baños de
Molgas comentouse con fervor por toda a provincia.
Seguindo co “patriotismo”
molgués, dous meses máis tarde, foi digno de encomio o xesto digno
e xeneroso dos señores Florencio Salgado e Samuel Movilla,
propietarios do balneario, que ofreceron gratuitamente 40 camas e a
asistencia do doutor Movilla e o seu fillo para outros tantos feridos
ou convalecentes de campaña, incluídos, por suposto, os baños
desas augas tan indicadas para afeccións como a gota, a asma, a
sinusite, o reuma...
Como se ve, son dous exemplos nos que
o pobo pon todo da súa parte: a axuda, o sacrificio e as mortes.
Porque é o pobo o que morre sempre, ou polo menos un pouco, en algo
que, moitos, nin saberían por que se iniciou. Penso moito no meu
pai, un labrego que, con 18 anos, que ía saber el por que estaba
loitando.
Finca Fierro. Martes, 23 de xullo de
2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario