domingo, 25 de abril de 2021

A MONTAÑA EMBRUXADA

O avión realizou tales turbulencias que me dixen que a min non me pillaban noutra. E sen pensalo dúas veces guindei por unha das ventaniñas. “Que sexa o que Deus queira”, berrei. Porque me tirei sen paracaídas. Desde uns 12.800 metros, que é o mesmo que 42.000 pés. Así de arroutado fun. Axiña notei que non fixera ben, que non fora un bo proceder. Pero non había volta atrás. Empecei a rezar, claro. Non é que sexa moi alá de católico ou de relixioso, pero todos sabemos xa que o medo é libre.


Na metade do descenso xa me decatei onde caería: nunha montaña chea de penedo e de, penso, carballos grosos. Disto último non estaba moi seguro porque o bosque era inmenso e ó mellor había algo de todo, ou sexa, de todas as especies de árbores. Non obstante, axiña notei que algo non cadraba: que, por intervalos, desaparecían todas esas árbores. Mal asunto para min. Pois se caía sobre as árbores ata poida que tivese algunha opción de saír con vida da miña arroutada. Se caía sobre os penedos, non me salvaba nin Rita a Cantaora.

Cada vez baixaba a máis e máis velocidade. A miña existencia estaba a piques de quedar para a historia. Non digo para o recordo porque ó mellor ninguén me recorda e tampouco quero forzar a ninguén a que me recorde. Cando quedaban uns 300 metros pechei os ollos. Cando os abrín vin que aterrara sobre un manto verde que a montaña puxera á miña disposición. Biquei o manto verde, claro. E quen non...


Finca Fierro. Domingo, 25 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario