miércoles, 21 de abril de 2021

DEBAIXO DO PARAUGAS

Tiven que abrir o paraugas porque chovía. Quen estaba debaixo do paraugas era eu tan só. Eu son o home que pensa que a vida dá moitas voltas, pero que na realidade tan só se dirixe dereitiña cara á morte. A morte é esa condenada que queda en nada. A nada non é nada ou, como moito, é o silencio que non di nada. Eu tamén son o home que, a maiores de estar por debaixo do paraugas, voo por entre as follas do loureiro e descanso sobre un feixe de trevo. Escoito a Joaquín Sabina e de cando en vez bailo ó ritmo dun valse, aínda que, antes, prefiro unha muiñeira.


Sigo debaixo do paraugas porque segue chovendo. Non é que chova moito, pero tampouco teño aquela idade na que me gustaba mollarme. Ó mellor é a idade a que nos leva dereitiños á morte. Si, a verdade é que a idade e a vida están as dúas metidas no mesmo saco, nun saco de esparto. Como nos que se mestura o millo e o centeo. Como en algunhas conciencias; que hai ceo e inferno, deus e o demo.

Debaixo do paraugas penso no desexo que moitas veces tamén molla, e naquel soneto que en catorce versos dicía que a vida é un cantar nos beizos e un mangado de rosas á altura do peito. Quen máis quen menos asubía de contento ante certos sentimentos.

Ós cachos chove, ós cachos deixa de chover, pero eu quedo igual por debaixo do paraugas, pois ante o seu refuxio tan só me mollo a causa dunha certa ansiedade.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Mércores, 21 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario