martes, 13 de abril de 2021

MARTES 13

Martes 13. E que? Din que é un día supersticioso. Trapalladas! É un día coma outro calquera. Ten as mesmas 24 horas do luns 12 e do mércores 14. A xente tenlle medo. Eu nin tan sequera lle teño respecto. Non lle teño medo a nada. Xa me chegou co medo que pasei de pequeno. Pero agora... agora non lle teño medo nin á morte. Porque sei que vou morrer tarde, vivir moito. Non lle teño medo nin ó espírito maligno nin ós versos de Sabina. Nin tan sequera tiven medo (con cinco ou seis anos) cando toureei un carneiro cun pano das mans. Foi neses anoiteceres de verán mentres estabamos ó fresco despois de cear e antes de durmir. Na rúa da Igrexa de Baños de Molgas. O carneiro, que tiña uns cornos retorcidos e grandes coma estadullos, recuaba uns bos metros para coller carreiriña. A familia e os veciños a alentarme e a rir. Eu co pano das mans facendo de muleta. Eh, bicho; eh, carneiro; dálle. E o carneiro botaba a correr para eu presumir cun bo pase de toureiro. Sen medo ningún.


Non lle teño medo ó martes 13 nin ó martes de Entroido. Non teño medo de afogar nunha lagoa que se perde na distancia, ou o que é o mesmo, onde o aire dá a volta. Tampouco teño medo de cruzar un océano na Perla Negra nin de bailar sobre o bico dunha bubela. As supersticións son precisamente para os que teñen medo. Eu teño peito de lobo e son capaz de facer rebotar unha bala de canón ou a mellor canción de Sabina. Non lle teño medo nin a un desexo imposible nin a unha distancia infinita. Martes 13 que non tardará en rematar e no que nada pasará. Quen dixo medo!


Café Kibu da Valenzá. Martes, 13 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario