lunes, 12 de abril de 2021

SAÚDOS E DESPEDIDAS

Díxenlle deica mañá a un paisano porque cando saín do sitio no que estaba, fíxeno coa intención de non velo ata mañá. Claro que ó mellor mañá non o vexo. Pero non queda de máis unha amable e educada despedida. Xa teño confesado aquí que o saúdo (ou o que é o mesmo, tamén a despedida) non llo nego a ninguén. Aínda que ás veces só sexa por cumprir. Despois, na realidade, igual hai algún que non merece saúdo nin despedida. Si, educado son, pero mono, non. As cousas claras.


Porque hai moitos que van pola vida coa cabeza demasiado alta, para, logo, torcer a cara. E algúns fano de tal maneira que, despois, hai o cabaleiro ou as tortícolis que hai. Eu non son máis honrado, non. Moi ben podo amosar cara de ferreiro. A cara de ferreiro adoito ensinala para presumir un pouco de tipo duro. Para disimular que non me dobrega ninguén. Aínda que, despois, na realidade, fagan de min un pandeiro.

Que quede entón o asunto ou a cousa nun termo medio: son un cacho de pan con, por veces, cara de ferreiro. É que se sorrío moito vénseme os dentes feos por culpa da auga da burga. Agora, a auga da burga de Baños de Molgas págaas todas. Pero como son amable e educado recoñezo que non ten culpa. Simplemente que certa hixiene nos anos 60 e 70 nunha familia labrega, algunhas veces brillaba pola súa ausencia. E non porque non houbese pasta de dentes, senón porque non había cartos para mercar a pasta dentífrica. Está visto que, sen cartos, non somos nada.

Agora si, moi amablemente e con educación: deica mañá, paisanos.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Luns, 12 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario