sábado, 24 de abril de 2021

AS ÁS DO VENTO

Deito sobre as ás do vento e penso que son Pucho Boedo cantando “Unha noite na eira de trigo”, cando na realidade son un volante vello que non sei dobrar nin para a dereita nin para a esquerda. Non me queda outra que quedar quieto e escoitar o silencio. Sabemos que o silencio, por veces, mete moito ruído. Tamén o ceo negro promete tormenta e a conciencia moito medo.


Miro para as ás do vento e gustaríame viaxar con elas. Ir ata os confíns do universo ou simplemente cruzar tan só aquel outeiro. Pero teño medo a esgazar nos codesos. E non quero ter feridas na alma nin perder sangue que regue as miñas desgrazas. Quedarei logo inmóbil, calmo para que o meu pouco pelo branco cabalgue ó vento.

Debuxo as ás do vento sobre un papel branco e inmaculado para que, no tempo dos tempos, alguén pense que a carraxe foi coma un veleno que se meteu dentro, moi dentro. Non obstante, aí está, nas distancias é onde o tempo se mide doutra maneira. Agora que cada quen pense o que queira.

Recito catro versos soltos sobre as ás do vento e estas deixan pingar con parsimonia, con cachaza, con pachorra un pobre poema. Un pobre poema que rime os desexos en asonante e que rime as ansiedades en consonante. Visto o visto, calquera é poeta, calquera deixa caer sonetos sobre un tempo que foi. Contemplo unha vez máis as ás do vento e quedo en silencio.


Café A Pedreira da Valenzá. Venres, 23 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario