lunes, 26 de abril de 2021

DE PASPÁN POLA VIDA

Estou estudando a posibilidade de meterme a cantante. Pero as palabras da miña nai penetran e furgan na miña mente: “ai, neno, que mal cantas”. Porque eu cantaba moito cando viña do monte coas vacas, principalmente polas noites (si, para escorrentar o medo), e cando araba unha leira, e cando angazaba na herba seca, e cando cavaba no millo, e cando ía ó muíño (aquí tamén polo medo, porque había que cruzar unha escura e longa carballeira), e cando segaba os nabos para a caldada do pote. Eu cantaba sempre. Pero sen saber cantar, como dicía a miña nai.


Incluso cheguei a pensar en meterme futbolista. Pero... e se me rompen as canellas? De rapaz cheguei a xogar de porteiro. Non obstante, onde máis aguantei foi de defensa dereito. Teño un amigo que, aínda hoxe, me chama Touriño. Tamén soñei sempre con ser actor. E dábame por actuar ante un mangado de toxos e, ás veces, poñendo de antagonista ó meu querido e amado Uriarte. Este can, por veces, ata penso que me seguía a corrente, a leria. Era moi listo o Uriarte.

Agora estudo a posibilidade de facer de nugallán. Quizais sexa o que mellor se me dá. Porque o de escribir, o de ler e o de ver películas seica son simples entretementos, vulgares pasatempos. Non quero contrariar, contradicir a ninguén. Así é que, si, definitivamente, estudarei para gandulo. Claro que ó mellor non é necesario facer unha gran carreira para andar de paspán pola vida. Aí o deixo.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Luns, 26 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario