miércoles, 28 de abril de 2021

NA SOIDADE DO MOMENTO

Deixo de mirar para o ceo e póñome a facer algo. Non sei, pero de cando en vez quedo así como de pasmón e miro sen ver. Creo que é porque quero alcanzar o universo. Pero é tan inmenso, tan infinito que me entra a carraxe por non conseguilo. Ás veces danme ganas de chamar, de urxencia, ó meu amigo alieníxena para que me amose ben o camiño, pero opto por quedar de espantallo mirando sen ver. Cando caio na conta de que isto non é un bo proceder (o de quedar coa ollada perdida no infinito), intento facer algo. Pero non sei que. Ultimamente só sei cruzar mares ou grandes lagoas coa Perla Negra e meterme en bosques tan espesos que, a súa escuridade, por veces, prodúceme algo así coma orgasmos, aínda que pareza mentira.


En principio si vou facer algo: tomar un café. Non é que sexa un gran traballo ou un gran atranco na miña vida diaria, pero polo menos fai que mova esa ollada perdida ó contemplar como remexo a substancia logo de ciscar o azucre dentro da cunca. Removo con tanta ansiedade que ata me digo se non estarei esparexendo os pensamentos; como que o desexo penetra no bosque escuro e que a melancolía asenta ou pousa na proa e na popa da Perla Negra. Quero navegar polas augas mansas dunha lagoa!

Tomado o café, intento moverme. Non quero quedar de paduán mirando ó ceo. Total, non verei nada. Tan só empreñarei na soidade do momento. Así é que ergo, marcho e asubío para marcarlle ritmo ó silencio.


Café A Pedreira da Valenzá. Mércores, 28 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario