martes, 27 de abril de 2021

ALGO NON CADRA

Algo non cadra. Algo non vai ben. Mentres tomaba o típico café da tarde fixen o que fago desde hai un tempo neses momentos: escribir un relato para Pingas de Orballo. Escribino. Sobre unha nova que lera nos xornais a cerca da negativa dunha xuíza do Rexistro Civil de Vigo non querendo casar a unha parella porque o noivo se vestira de Jack Sparrow. Pero desde o momento en que o rematei, hai máis de tres horas, non deixei de pensar nel, principalmente sobre a opción de publicalo ou non, é dicir, de mandalo ó xornal e subilo ás redes. E ó final optei por deixalo no caderno no que o escribín. Porque algo non me cadra. Tampouco sei dicir se é para non levantar polémica ou se é porque lle noto algo raro, algo que non me enche. Así é que, xa vedes, estou escribindo algo sobre o que escribín.


Hai indecisións ou dúbidas que botan para atrás. Non sei, ó mellor é ese sexto sentido que nos acaba dicindo que non procede dar a coñecer certos pensamentos ou sentimentos para non ferir a sensibilidade de alguén, como se adoita dicir. Eu só sei que notei algo raro. E ante a dúbida...

E iso que, xeralmente, cando escribo (e escriba o que escriba), sempre lle dou para adiante, sen pensar moitas veces nas consecuencias. Recoñezo que non é bo escribir en quente. Cando o fago, menos mal que os da redacción ás veces danse de conta e frean a carallada. Ultimamente, sabendo como son, xa procuro espazar máis o tempo desde a lectura ou a visión dunha noticia ata a miña propia versión. Porque son humano e quéntome, ás veces fervo incluso. No de hoxe creo que optei polo mellor.


Finca Fierro. Martes, 27 de abril de 2021

 

2 comentarios:

  1. Creo que hai certas cousas que poderían molestar, é un bo texto Chito. Seguramente tampouco daría a miña propia opinión sobre o tema en cuestión

    ResponderEliminar