jueves, 29 de abril de 2021

A VENTÁ INDISCRETA

Asómome á ventá e vexo a vida pasar. Por veces pasa de présa e ás veces de vagar. Como o tempo. Como as ansias. Como o desexo. Como as palabras. Miro pola xanela e moitas veces vexo o que non quero ver. Tamén é verdade que cando ansío ver algo, ese algo nunca aparece, nunca asoma. Contemplar ou observar a esencia desde unha ventá indiscreta é complicado, porque tampouco é que se saiba moi ben en que consiste a esencia, o fundamento, o alicerce.


En principio, intento mirar para arriba ou para abaixo para atoparme co que ando buscando. Como moitas veces non sei o que busco, saco o corpo cada vez máis para fóra ata que dá a sensación de que penduro da ventá. Pero non caio. Así é que observo, miro, contemplo. Nada. Non vexo nada estraño, nada digno de mención. Penso que estou mirando mal. Decido tomar un descanso. Aparto da ventá e intúo que algo non cadra.

Se non hai nada para arriba nin nada para abaixo, non queda outra que mirar de fronte. Se rápido foi o pensamento, máis rápida foi a acción: xa estaba asomado de novo á ventá para contemplar a vida, agora si, de fronte, sen medo, con forza e coa ilusión chea de bolboretas voando por entre as miñas entrañas e aniñando no máis íntimo de min. Desde a ventá indiscreta sei que certas árbores non me deixan ver o bosque, pero cando me dependuro algo máis... veño a vida pasar. É bonita.


Finca Fierro. Xoves, 29 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario