jueves, 22 de abril de 2021

DIAMANTES PARA A ETERNIDADE

Cando torcín a vista do ordenador atopeime cun dos meus listados cinematográficos e vin ese título, que versa sobre unha nova aventura do mítico James Bond, ese axente 007 que ten licencia para matar, e pensei (moitas veces falo comigo mesmo) que xa estaba, que dese título podía partir un relato, este relato. Pero, claro, a onde vou buscar eu un diamante? Eu, como moito, podo agasallar cun anel de latón. Aínda que, se vos digo a verdade, que mellor regalo que unha flor de toxo. De toxo! O noso toxo! A flor por antonomasia da nosa Galicia! O patrón das nosas plantas! Sinceramente, e desde a miña pobreza, onde estea unha flor de toxo que se quite un diamante.


Diamantes para a eternidade. A min que me enterren sobre catro codesos e que me cubran cun feixe de fentos. Esa sería unha eternidade ben bonita! Os diamantes... os diamantes só valerían para que alguén profanase a miña tumba e arrapañase con eles. Porque non todos os seres viventes son partidarios dos toxos, codesos e fentos, sabendo que poden ter un ou uns pelouros que brillan eternamente. Pero eu son como son, e coa miña pobreza confórmome co que me aleitou desde sempre, co que me deu de vivir desde que nacín.

Diamantes para a eternidade. Que mellor diamante que un sorriso aberto e luminoso, que un desexo que te ascende ó ceo e que unha mirada ou unhas palabras que te deixan perplexo. Diamantes para a eternidade e flores dos toxos para sempre.


Finca Fierro. Xoves, 22 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario