martes, 20 de abril de 2021

A PERIPECIA DUN AURICULAR SEN FÍO

Recollín. O ordenador foi para un estante do moble do teléfono. As carpetas e os auriculares grandes (ou orelludos, como lles chamo eu) para un baúl. E o bolígrafo púxeno nun estante do armiriño que temos na cociña. Vestín unha cazadora e dubidei durante un tempo de coller o paraugas ou non. Catro gotas de auga mollaban os coches e o asfalto da rúa. Quen dixo medo! Non me mete medo a gadaña da morte e vanmo meter catro pingas de nada... Polo que saín a peito descuberto e co caderno, iso si, resgardado baixo a cazadora. É moito mellor que me molle eu que un libro ou un caderno. Vaiche boa!

Ós poucos metros caín na conta de que non collera a mascariña. Puta mascariña! Menos mal que sempre traio no peto do pantalón unha de reposto. Home previsible... adoitan dicir. Pero ó poñer o maldito bozo, zas, alá foi ó chan o auricular sen fío esquerdo. Abriuse. E pensei que escachara. Alá foi o burro coas noces, pensei. Non é o mesmo escoitar a música por un oído que polos dous. A ver; a Víctor Manuel case se pode escoitar ben con un, pero “Comfortably Numb”, de Pink Floyd, non procede escoitalo só por un oído. Non obstante, hoxe os anxos custodios fixeron honor ó seu nome, pois logo dunhas voltas e reviravoltas conseguín encaixar as peciñas do auricular. E agora mesmo estou a escoitar “Chase”, de Giorgio Moroder, marabillosamente ben.


Polo camiño non choveu, pero neste momento, mentres escribo, non é que caian pingas de auga, é que está caendo tal tromba que non queda outra que esperar a que escampe algo para marchar.


Café Kibu da Valenzá. Martes, 20 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario