viernes, 23 de abril de 2021

CARA Á INMORTALIDADE

Deica agora dicía, confesaba e escribía de que viviría moitos anos, de que tardaría moitos anos en morrer. Ademais dicíao e dígoo todo convencido, cheo de razón. Pois ben, desde a unha menos dez do mediodía do Día do Libro confeso que son case inmortal. O case vai polos tres meses ou doce semanas que tardarán en enchufarme, en inserirme a segunda dose da AstraZeneca. Iso é, hoxe tireime ós toxos para que me inocularan a primeira. E tireime a peito descuberto, sen medo ningún; é máis, con ansia e con gozo. Era algo que desexaba. Por se aquel e... para ser inmortal. Desde hoxe non me entra nin unha bala. Desde finais de xullo nada me matará. Serie inmortal.


Agora mesmo noto como esas poucas pingas de non sei que empezan a coller posicións por todo o meu corpo para facerlle fronte, para defenderme dese bicho que leva máis dun ano tocándonos a moral. Pingas de non sei que que me levarán cara á inmortalidade. Xa sempre dixen que a min ese bicho non me tocaba aquilo que pensades. Sempre fun duro de roer. Son duro de roer e serei duro de rillar.

Ademais, foron a escollerme o día apropiado: o 23 de abril, o Día do Libro. Para que siga lendo eternamente, ata o infinito e máis alá da Covid-19. A mellor homenaxe para este día foi que xa lin unhas boas páxinas antes de tirarme ós toxos e dentro dunha hora ou así penso percorrer outras tantas páxinas ou máis. E así, grazas a esa vacina, poderei seguir lendo per saecula saeculorum.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Venres, 23 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario