domingo, 18 de abril de 2021

UN DOS CORENTA LADRÓNS

A pesar da enorme distancia que había entre nós, eu sabía que el estaba xa sinalado pola morte. El era un dos corenta ladróns daquel conto que asomaba nas mil e unha noites e que se escribiu alá polo ano da pera, ou tamén se di polo tempo dos mouros. E eu era o cazarecompesas que andaba detrás deles. Xa perdera a conta dos que caeran baixo as miñas balas ou frechas ou coitelos ou coas propias mans. Matara xa a tantos que o fixen de todas as maneiras posibles. Ese que estaba na distancia non sei dicir se era o derradeiro ou se era o trinta e algo. Pero a min dábame igual; porque chegaba con botarlle unha ollada encima e sabía ó momento se pertencía á camándula esa dos corenta ladróns. Este, e repito, a pesar da distancia, sabía que era un deles, polo que xa, de antemán, estaba sinalado pola morte. Así de simple. Parezo un tipo duro, un tipo sen misericordia, pero é que teño que selo. Nestes traballos non se pode ser brandos, non se pode ter un corazón de ouro; senón calquera alpabarda se che sobe á chepa.


O ladrón estaba en algo así coma un embarcadoiro e creo que máis alá dun par de quilómetros. Si, moita distancia para saber se era dos que andaba buscando; pero chegoume a postura del para confirmar a súa condición. Como a distancia era enorme e como intuía que el a min non me vía, optei por dúas ou tres frechas (cada vez que as usei nunca tiven que facer uso dunha segunda) porque nunca se sabe. Son de tiro fixo, pero... Ó final non tiven que facer uso de ningunha porque, el, non era un dos corenta ladróns. Desmarqueino da morte. Confeso o meu erro.


Finca Fierro. Domingo, 18 de abril de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario