miércoles, 11 de septiembre de 2013

A BANDEIRA GALEGA NOS ANEIS DE SATURNO


              Bailan os planetas polo confín do universo e unha nave espacial coa bandeira galega ó vento viaxa cara ós aneis de Saturno. O piloto da aeronave é Valdo Dulce Saleroso, o fillo de Luz, a Laverca, que se fixo astronauta porque sempre quixo ir nos avións que vía pasar por enriba do Alto da Lomba, no monte Medo de Baños de Molgas. Unha tarde presentouse ante o mestre da escola e espetoulle de súpeto: “Don Graciliano, eu quero viaxar un día ás estrelas”. “Pois terás que estudar para astronauta, meu rei”. E Valdo Dulce Saleroso fincou os cóbados nas mesas e, se facía falta, no carro das vacas, para dedicar media vida a estudar o espazo, o universo. Agora mesmo está a pasar moi preto de Xúpiter. Non lle queda moito para chegar ós aneis de Saturno. Desde que despegou non pensou noutra cousa que en fincar a bandeira galega en todo o confín do universo. Cando o fixo lanzou o himno popular galego: manda carallo no espazo!


              Café Paco Paz de Ourense. Martes, 10 de setembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario