martes, 24 de septiembre de 2013

CAMIÑANDO


              Camiño pola rúa das silveiras e non deixo que os toxos me piquen. No medio do camiño atopo unha pedra redonda na que axiña penso que o seu destino é rodar e rodar. Así foi. Empurreina con forza co meu pé dereito. Quedou unha marca na chanca, pero a pedra rodou e rodou. O peor é agora ó chegar á casa, e cando a nai vexa a marca na chanca… acabada de estrear. E co que lle custaron. Mercáraas onte na feira e rogoume de corazón e de contado que tiñan que durar todo o inverno. Seguín sorteando os toxos pola rúa das silvas e case afogo no regato que se cruzou no meu camiño. Despisteime ó choutar dun pasal ó outro e dei co cu e con todo o corpo no regato das Lamas. Case afogo; máis polo susto que polo de non saber nadar. A auga subíame pouco máis arriba dos xeonllos. Púxenme de pé nun santiamén… para non afogar e para que non me vise ninguén naquela apurada. Que vergonza, caer duns simples pasais grandes de pedra. Da rúa das silvas pasei á explanada das xuncas.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 19 de setembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario