viernes, 13 de septiembre de 2013

Á SOMBRA DUNHA NUBE


              Marráns que se envorcallan na lama para que as moscas busquen unha substancia que queda ó descuberto. Ruído na aira da aldea. Unha nube proxecta a sombra sobre a billa dunha fonte seca e un pardal pousa xusto nesa billa. Xabier Papel Masi lanza unha pedra contra o pardal. Non lle dá, claro. Pero asústao e o paxaro fuxe para unha matogueira que hai nunha leira a uns vinte e cinco metros. A leira é de Zacarías Salmerón, que lle puxo tres espantallos á beira dos chícharos. Como unha burla do esperpento, o pardal emprende de novo o voo para pousar precisamente no brazo esquerdo do espantallo. Desde alí vixía a Xabier Papel, que sentou xusto na sombra da nube. Este conversa polo baixiño cun dos porcos enzoufados coma se fose unha persoa. Á sombra da nube tamén está xa hai tempo un caracol que Xabier non viu. O molusco ten dispostas as antenas para que Xabier non se pase de mexeriqueiro. Se hai que fuxir, fóxese. Non están os tempos para ser un valente.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 11 de setembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario