domingo, 29 de septiembre de 2013

XOGANDO CO CATIVO


              A cadeira do rapaz roda lentamente pola beirarrúa. Detrás, quen a empurra, é o propio rapaz. Unha pomba pega un saltiño para deixar pasar a cadeira e, cómo non, para fuxir do cativo. Ela non é parva e sabe que o neno, tan axiña como a vexa, esquecerá a cadeira e correrá detrás dela. Dito e feito, o cativo persegue á pomba unha e outra vez. Esta deixa que se achegue e, ale, un saltiño. Espera un chisco máis e outro saltiño. Como o neno tampouco semella parvo, axiña cae na conta de que a pomba está xogando con el, de que nunca a collerá. E axudado polas chamadas da nai, deixa de acosar á ave e volve empurrar na cadeira. Tamén cansa disto e acaba pedindo colo. A nai, nin caso; o que fai é sentalo na cadeira e ser ela quen empurre. Cando chegan á altura dunha rotonda que hai ó final da rúa, volven sobre os seus pasos.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 22 de setembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario