miércoles, 25 de septiembre de 2013

CHACARITAS SEN CONCIENCIA


              Deixo correr o silencio polas gallas da memoria mentres unha pinga de café cae sobre o asubío dun instante. Ó lonxe, entre outeiros, oulea o lobo a canción triste dun soldado que se perdeu nunha guerra que ninguén quixo, pero que estoupou entre catro políticos que se riron da inconsciencia. Hai chacaritas que presumen do que non son e que soñan felices coas súas inocentadas. Deteño o ruído que procede das gallas dos recordos mentres un chiscar de ollo debuxa a felicidade dun folio en branco. Co paso do tempo, e sobre este folio, choran agora os chacaritas políticos por levarnos a un instante con moito cheiro a podre. Crise que rebenta nun plano familiar. Crise que estoupa nunha pobre educación. Crise que gangrena unha economía creada por catro parvos de molde e uns chacaritas de renome. Mordo o silencio, masco no ruído e a lúa asoma por entre os outeiros dun poema a medio escribir polos alumnos dos chacaritas sen conciencia. Algún día seremos libres e agromarán os recordos.


              Café Paco Paz de Ourense. Martes, 24 de setembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario