lunes, 2 de septiembre de 2013

O MATADOIRO CLANDESTINO


              Unha bandeira que baila impulsada pola forza do vento. Unha ferida que sangra, que doe. O soldado aperta a perna con forza e con xestos de dor. Está tombado entre dúas xestas e con medo a que o inimigo dea con el. Non quere morrer. Nin tan sequera ser prisioneiro. Nunca quixo ir á guerra, pois sempre cualificou a esta coma un matadoiro clandestino. Non sabe cómo se lle ocorreu ese nome, pero gustoulle. Agora chámalle así a todas as guerras. E sabe que hai moitas guerras. Nesta, na que está, viuse obrigado polo seu pai. Quería que se fixese home; non quería que fose un macaco. “Ti es un macaco”, sermonáballe unha e outra vez. Agora está a piques de que o maten. Acochado entre dúas xestas que xa lle empezan a semellar piornos e con medo a que lle vexan a bandeira. Unha bala penetrou na perna esquerda. Árdelle a ferida. Réxenlle os dentes. Pingas de suor baixan polo seu pescozo. O soldado nota que se lle vai a vida. Desmaia. Soña co matadoiro clandestino.


              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 30 de agosto de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario