viernes, 26 de junio de 2015

A BLINDAXE DO TITULAR



Cada vez que hai unha masacre causada polas armas en Estados Unidos, sempre pensamos que, por esta vez, si; por esta vez vanse tomar medidas. Pero unha tras outra, as ocasións quedan no baúl dos recordos. Xa se encarga a Asociación Nacional do Rifle (e imaxino que outras semellantes) de que así sexa. Porque as armas, sóubose sempre, son o maior negocio do mundo mundial. Incluso por enriba do petróleo. Iso creo. Hai uns días houbo de novo algo así como tiros sen orde nin xeito e semella que, por fin!, chegan ó debate electoral as armas e o racismo. A expresión “por fin” dá a entender ás claras que ata agora o asunto, as mortes, as masacres, os exterminios de negros importaban un carallo. Seguirá importando un pemento. Porque pasa o de sempre: lánzase o titular para acadar uns votos e unhas poucas simpatías, e cando a chea do río volva ó seu leito, volve asomar pola pantalla da televisión o careto de Charlton Heston para dicir que non, que o cidadán de a pé merece defenderse. E este faino, por suposto, a base de tiros e de mortes. Para elo, os pais ensinan ós cativos cómo se colle un rifle, cómo se monta unha pistola e cómo se dispara contra todo o que se move. Para os cachorros será coma un xogo e para os pais coma un lavado de conciencia dunha realidade que ninguén quere frear. O debate electoral seguro que tan só é a blindaxe do titular.

No hay comentarios:

Publicar un comentario