Era nos tempos de Maricastaña, nos tempos en que televisaban
o baloncesto, nos tempos de Corbalán e Iturriaga e Epi e Chechu Biriukov cando
gozaba con ese deporte. Despois a televisión española deixou de emitir partidos
e, claro, fun perdendo contacto co baloncesto. E si creo que perdín bastante
porque creo que foi un deporte que evolucionou moito, principalmente nas súas
regras. Agora volve a miña afección porque xogan a el os meus dous rapaces. Non
obstante, podo dicir que non entendo nada. Sinceramente, non distingo as dobres
dos pasos, as faltas persoais (a non ser que un lle zosque ó outro un lapote de
categoría) dos tiros libres (se son dous ou tres) Sei o que é campo atrás. A
ver se agora pensades que… Pero é igual; non fai falta entender para gozar coma
un anano. Que foi o que fixen o martes pasado vendo ó COB contra o Breogán.
Máis polo ambiente que polo partido e si. Aquel foi o que me fixo escribir este
recuncho. Nunca vira tal no Paco Paz. Nunca vira a tanta xente de Ourense tan
feliz. Agora creo niso de cando din que “aínda que non che guste isto ou
aquilo, hai acontecementos que te arrastran”. É verdade. Emporiso, tiven un
recordo para os lugueses: imaxinei a súa viaxe de volta. E déronme pena. Si,
son un sentimental, pero… O peor é se o gozo queda nun pozo. Xa sabedes, a
cuestión económica para estar na ACB. Ó mellor custa máis que o sangue, suor e
bágoas que se derramou durante todo o ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario